Tuesday 17 de September de 2024

O concello amplía en 4.632 metros cadrados os espazos para uso deportiv e de oico do CEIP Otero Pedrayo


O investimento nas obras de acondicionamento supera os 48.000 euros, a financiar integramente polo Concello.

O CEIP Otero Pedrayo da Laracha contará no curso escolar 2024-2025 con novos espazos vinculados ao centro para uso deportivo e de ocio que quedarán a disposición da comunidade educativa para o seu desfrute durante o horario lectivo.

No marco do Plan especial de equipamentos educativos dese colexio, o Concello adquirira as parcelas contiguas, que suman unha superficie total de 13.761 m2. Parte deses terreos, en concreto 4.632 m2, están a ser obxecto da intervención promovida e financiada integramente polo Concello mediante a que quedarán integrados no ámbito do centro de ensino. O investimento nestas obras supera os 48.000 euros.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, visitaron o lugar das actuacións para coñecer de primeira man o resultado dos traballos que se están a acometer aproveitando o cese da actividade no colexio durante as vacacións de verán e coa previsión de que estean completados antes do inicio do novo curso o 11 de setembro.

As obras en execución principiaron coa demolición do antigo muro de cemento que se localizaba na parte traseira do edificio de infantil e que facía de peche do colexio, precisamente separándoo da parcela que agora queda integrada nel e que xa conta cun cerrado perimetral cun muro de formigón e de malla metálica. Agora os labores céntranse no acondicionamento do terreo, fase que inclúe o saneamento do espazo, a instalación dunha rede de recollida de augas pluviais e a adecuación das diferentes zonas, xa que parte delas quedarán cunha superficie compacta e outras, con espazos verdes e arborizados. Tamén se construirá un valado para protexer os depósitos de gasóleo do colexio que subministran os sistemas de calefacción.

A ampliación dos espazos libres vinculados ao CEIP Otero Pedrayo foi considerada necesaria polo Concello despois de que nos últimos anos se reducisen debido á construción do edificio de infantil e do pavillón polideportivo. Coa intervención darase resposta a esa necesidade que presentaba o colexio que conta con maior número de alumnos do termo municipal da Laracha.

Cabe lembrar que os terreos restantes adquiridos no marco do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo terá por destino, nunha actuación futura, a creación dunha nova entrada principal con espazos de aparcamento e manobra para os autobuses do transporte escolar, así como a mellora dos accesos rodados e a pé desde a estrada AC-552 pola rúa José Añón.